A gamela coruxeira é unha embarcación de liñas simples e harmoniosas utilizada en Galicia, especialmente na Ría de Vigo, e concibida para a pesca artesanal en augas someras e rochosas. Caracterízase exteriormente por ter bordos e fondo planos. A súa aparente simplicidade esconde unha longa evolución e adaptación ao medio, as formas depúranse e o superfluo desaparece; as solucións construtivas acadan a máxima durabilidade e adaptación ao seu uso.