Proxecto

sábado, 31 de mayo de 2008

RECUPERACION INTEGRAL DA GAMELA CORUXEIRA

A evolución social e o uso do mar están a retirar á gamela da súa principal razón de ser: obter o sustento do mar. Pero esa mesma evolución social ten que acabar comprendendo o esforzo e a valía das solucións as que se chegou despois de séculos de navegación e aproveitalas para encher necesidades novas: a necesidade de acercamento a natureza, o seu respeto, a necesidade de conexión cunha tradición, e todo elo aproveitando as vantaxes de facilidade de uso e baixo custo que a gamela pode proporcionar.

Temos próximo o exemplo do bo estado de saúde da dorna: asociacións dedicadas a súa promoción, recuperación e mantemento; novas embarcacións cada vez mais ambiciosas; escolas de vela tradicional; unha potente flota de competición e un apretado calendario de regatas. Para moita xente nova é un xeito económico e moi satisfactorio de achegarse a navegación e está traspasando amplamente a súa area tradicional de distribución.

Cousas tan habituais como a imaxe das gamelas pousadas na praia están a desaparecer e perdese unha parte do atractivo visual e turístico das nosas rías. Imaxinemos unhas praias e portos activos, con flotas ben coidadas, imaxinemos visitas organizadas a museos vivos ao borde do mar, con interrelación entre diferentes xeracións, puntos de contacto coa tradición, a fala, as lendas, os coñecementos dos vellos mariñeiros...
Imaxinemos a posibilidade de aprender a bogar, a velear, ou poder alugar unha embarcación coidada para dar unha pequena volta pola ría na embarcación mais adaptada a ela. Imaxinemos un asociacionismo que manteña as embarcacións, garde os seus valores e os desenrole, realizando actividades de encontro, difusión, coñecemento das técnicas constructivas ou competición; integrado no desenrolo xeral de outros tipos de embarcacións tradicionais e toda a cultura que vai aparellada. É posible e atractivo, pero precisa dun enfoque correcto da problemática, unha conxunción de todos os colectivos e organismos implicados no tema e o desenrolo de ferramentas e solucións que axuden a revitalizar esta parte do noso patrimonio marítimo.

Parece claro que para unha actuación de revitalización integral da gamela coruxeira fai falla a colaboración de un amplo rango de entidades e colectivos: Goberno autónomo, concellos, capitanías marítimas, asociacións, clubs náuticos, federacións, centros de ensino e os mesmos propietarios.
E tamén unha aproximación ao traballo dende diferentes puntos de vista: O puramente cultural e etnográfico; o museográfico; o social e de apoio a colectivos desfavorecidos; o de actuación medioambiental nas praias ou portos con embarcacións; o de estudio da arquitectura naval e as técnicas de utilización, construcción e conservación; o lexislativo da súa utilización; o medioambiental; o puramente deportivo etc..

A cultura asociada a praias, portos e gamelas está fondamente enraizada na Ría de Vigo e debido ao impacto da sociedade industrial estase perdendo. A gamela esta sempre presente coas súas formas limpas e pouco pretenciosas. Tal vez precise unha mais atenta mirada e sexamos nos os primeiros beneficiados da súa (desexable) revitalización...