A Luna

miércoles, 11 de junio de 2008

Recuperamos a Luna, a gamela que nos foi doada, enteiramente construída en madeira maciza. A nosa intención era restaurala e dotala de timón, pau e vela para surcares o mar. Traballamos no taller situado na praia do Canabal (Tirán) cedido xentilmente polo Sr. Manuel "Pilo", industrial do mexilón.

O traballo comeza coas nocións básicas de carpintería, a limpeza das vellas capas de pintura e a sustitución e adaptación das pezas máis deterioradas: renovamos as cadernas, reclavamos totalmente a taboazón, recheamos as fallas con resina epoxi mesturada con serrín e finalmente cubrimos o casco cun tecido de fibra de vidro impregnado en resina epoxi. A madeira queda protexida por unha cuberta impermeábel que a manterá seca e case libre de mantemento.

Despois da capa de fibra de vidro con resina epoxi, repasamos a superficie do casco e a alisamos utilizando aparello acrílico de alto espesor, fácil de lixar e que deixa unha superficie de moi boa calidade. Rematado o traballo co aparello, píntase cunha imprimación de epoxi e voltamos a marcar a liña de flotación aplicando unha capa final de pintura de poliuretano na obra morta e patente na obra viva. No interior e na cuberta pintamos sobre o epoxi cunha imprimación tamén de epoxi e unha pintura de poliuretano de un só compoñente.

Ao mesmo tempo construimos o timón, feito de duas taboas unidas por espigos; a caseta do pau e as fixacións da driza. Tamén facemos as primeiras probas da vela, relizada na velería de Ramón Albert e Julio Pousa, e finalmente axustamos os paniles.

A travesía de presentación da Luna tivo lugar en Cangas, aproveitando a chegada da Volta Naútica a Galicia.

Recuperación da Luna (25 fotos)

0 comentarios: