A Diana

lunes, 30 de junio de 2008

Xa navega a Diana, unha gamela que era empregada na recolleita de navalla mediante mergullo e que foi recuperada utilizando técnicas actuais. Restauramos unha vela orixinaria de Cangas, a pesar do baleiro de información entorno as velas utilizadas tradicionalmente nesta zona, tentando rescatar parte da enorme sabiduría prendida no tempo.

Recuperación da Diana (10 fotos)

A Luna

miércoles, 11 de junio de 2008

Recuperamos a Luna, a gamela que nos foi doada, enteiramente construída en madeira maciza. A nosa intención era restaurala e dotala de timón, pau e vela para surcares o mar. Traballamos no taller situado na praia do Canabal (Tirán) cedido xentilmente polo Sr. Manuel "Pilo", industrial do mexilón.

O traballo comeza coas nocións básicas de carpintería, a limpeza das vellas capas de pintura e a sustitución e adaptación das pezas máis deterioradas: renovamos as cadernas, reclavamos totalmente a taboazón, recheamos as fallas con resina epoxi mesturada con serrín e finalmente cubrimos o casco cun tecido de fibra de vidro impregnado en resina epoxi. A madeira queda protexida por unha cuberta impermeábel que a manterá seca e case libre de mantemento.

Despois da capa de fibra de vidro con resina epoxi, repasamos a superficie do casco e a alisamos utilizando aparello acrílico de alto espesor, fácil de lixar e que deixa unha superficie de moi boa calidade. Rematado o traballo co aparello, píntase cunha imprimación de epoxi e voltamos a marcar a liña de flotación aplicando unha capa final de pintura de poliuretano na obra morta e patente na obra viva. No interior e na cuberta pintamos sobre o epoxi cunha imprimación tamén de epoxi e unha pintura de poliuretano de un só compoñente.

Ao mesmo tempo construimos o timón, feito de duas taboas unidas por espigos; a caseta do pau e as fixacións da driza. Tamén facemos as primeiras probas da vela, relizada na velería de Ramón Albert e Julio Pousa, e finalmente axustamos os paniles.

A travesía de presentación da Luna tivo lugar en Cangas, aproveitando a chegada da Volta Naútica a Galicia.

Recuperación da Luna (25 fotos)

A Rula

jueves, 5 de junio de 2008

Coa axuda da Deputación de Pontevedra emprendemos a recuperación dunha gamela procedente da praia do Canabal (Tirán). O traballo realizouse no taller do antigo matadoiro da Congorza, cedido xentilmente polo Concello de Cangas, moi axeitado debido a súa situación nunha praia de longa tradición gameleira e co consello activo de antigos gameleiros.

Ten 14 cuartas e media de quilla (4,95 mts de eslora total) e coincide coa tipoloxía que consideramos que tiñan as gamelas de Cangas: pouco francobordo, pouco arqueamento e eslora xenerosa. Chamábase Paloma e comenzou a súa nova vida co nome de Rula.

O seu estado era regular, polo que retiramos as vellas capas de pintura, saneamos a madeira podre, reconstruímos o timón e efectuamos un tratamento da madeira a base de epoxi.
A vela foi copiada coa máxima exactitude dunha vela cedida por Ramón, patrón da Alondriña, realizada en algodón por Velas Gandara, S.L. e rematada a man por nos mesmos. O plantexamento de formas foi feito por Tomás, de grande experiencia en velas tradicionais e o traballo de cabullería copiou as antigas técnicas amosadas na vela de Ramón.

A Rula estreouse no ano 2004 no encontro de Douarnenez acompañando a expedición da Federación Galega pola Cultura Marítima.

Recuperación da Rula (9 fotos)